martes, 27 de enero de 2015

Liga, xornada 20: Xetafe 2 - Celta 1

O Celta volve perder en Xetafe (2-1) nun partido lamentable, onde presidente*, director deportivo**, adestrador***, xogadores**** (case todos) e árbitros***** parece que están empeñados en mandarnos a segunda.
Penalti de libro que o árbitro Mateu Lahoz non quixo pitar con empate a 1 [Foto www.moiceleste.com]
A primeira parte estivo bastante igualada onde os dous equipos xogaban a ver quen o facia peor, non daban un pase ben nin a un metro. Aos 15 minutos saque de banda rápido de Nolito para Charles e este só ante o porteiro marca o 0-1. Catro minutos despois erro en cadea da defensa do Celta, sobre todo de Planas e o Xetafe empataba o partido. Boa contra de Orellana que é parado por Alexis cunha falta de tarxeta vermella directa, xa que vai a polo xogador e non ao balón, pero o señor colexiado só mostráballe a tarxeta amarela. Ocasión de Jonny (o mellor do partido) cun disparo que atrapa o meta local. O Xetafe puido sentenciar o partido pero primeiro Sergio nunha parada tras unha falta directa que ía á escuadra, despois o atacante local que remata fóra e logo outra vez Sergio cunha gran parada tras outro erro da defensa evitaron que o Celta fixese un ridículo maior. Na reanudación primeiro parada de Sergio e despois remate fóra nunha ocasión moi clara do Xetafe, a banda de Planas era unha autoestrada sen peaxe para o Xetafe. Pase de Krohn-Dehli para Charles e o seu remate dá na man do defensa local pero o árbitro non pita nada (como é habitual). Na xogada seguinte, o árbitro pita saque de porta a favor do Celta pero tras as protestas locais cambia de parecer e dá saque de esquina, tras o lanzamento man de Radoja clara e penalti (este si o pitan como tamén é habitual) pero perdóalle a tarxeta vermella (milagre) despois de estar a buscar case tres minutos quen lle dera coa man. O penalti estrélano no longueiro. A continuación Santi Mina entraba por Orellana e no minuto 84 Larrivey entraba por Charles. Logo do cambio e tras outro erro en cadea da defensa chegaba o 2-1 para o Xetafe. Despois do gol entraba Bongonda por RadojaRidículo absoluto no Coliseum.

FICHA:
[2] Xetafe C. F.: Codina, Arroyo, Naldo, Alexis, Roberto Lago (Escudero, 46'), Rodríguez, Diego Castro (Felip, 91'), Freddy (Pedro León, 69'), Sammir, Sarabia e Álvaro Vázquez.
[1] Celta de Vigo: Sergio; Jonny, Cabral, Sergi Gómez, Planas; Radoja (Bongonda, 85'), Augusto, Krohn-Dehli; Orellana (Santi Mina, 67'), Nolito e Charles (Larrivey, 84').
Colexiado: Mateu Lahoz, penoso (incrible que este individuo sexa árbitro profesional). Amonestou a Alexis e Escudero polo Xetafe e a Planas, Sergi Gómez, Jonny, Radoja e Augusto polo Celta.
Goles: 1-0, Charles (15'). 1-1, Álvaro Vázquez (19'). 2-1, Sarabia (85').
Estadio: Coliseum Alfonso Pérez, 4.570 espectadores.
Notas:
  • Sergio [5]
  • Jonny [5'5]
  • Cabral [3'5]
  • Sergi Gómez [3]
  • Planas [3]
  • Radoja [4'5]
  • Bongonda [-]
  • Augusto [4]
  • Krohn-Dehli [3'5]
  • Orellana [4'5]
  • Santi Mina [4'5]
  • Nolito [4]
  • Charles [5'5]
  • Larrivey [-]
*Presidente: segue sen falar dos árbitros, dende que chegou ao club os árbitros estanse a rir de nós, pero para Carlos Mouriño non pasa nada.
**Director deportivo: levamos anos necesitando un lateral esquerdo e un central, e aquí só traemos xente para arriba, cando temos unha defensa que fai augas.
***Adestrador: non sabe xestionar as segundas partes nin os cambios.
****Xogadores: quitando excepcións (JonnyRadoja...) nos últimos partidos uns saen a pasear polo campo e outro (Krohn-Dehli) a pensar no seu futuro equipo e a non meter o pé por medo a lesionarse.
*****Árbitros: se ledes as crónicas dos partidos xa saberedes a que me refiro, son unha auténtica vergoña estes ladróns.

No hay comentarios:

Publicar un comentario